A compañía Nononon.lab nace coa finalidade de crear un fronte de investigación dentro do obrador escénico Nononon, creado por José Faro. Partindo deste lugar de encontro entre artistas escénicas, fórmase no 2020 un grupo composto por varias compañeiras de profesión dentro do eido técnico. Así, componse inicialmente por José Faro, Laura Iturralde, Xacobo Castro e Montse Piñeiro, para logo sumarse á equipa Lucía Estévez como nexo patente entre os mundos escénico e audiovisual. Dentro da nosa experiencia en común son salientables o nosos traballos en Resaca (Ilmaquinario, 2017), que acadou o Premio María Casares nas categorías de Iluminación e Escenografía, Elisa e Marcela (A Panadaría, 2017) o proxecto Fío, gañador dunha Residencia Paraíso no 2018, O empapelado amarelo (A quinta do cuadrante, 2019) ou a produción Fariña (Unodez e Xose A. Touriñán, 2019), con nominacións aos María Casares 2020 na Iluminación e na Escenografía á espera de resolución, O Feo (Catrocadeiras, 2013), A Leituga (Eme2, 2018), Curva España (Chévere, 2019) ou Microspectivas dun marica millenial (Incendiaria, 2020). Conformamos un grupo hetereoxéneo de profesionais con espectros moi amplos de actuación, tocando disciplinas tan diversas como a escultura, a carpintería, a fotografía, a animación, o son…e, á súa vez, os nosos intereses e motivacións conflúen no mundo do espectáculo e das artes vivas. Dada a natureza dos proxectos nos que participamos, cabe destacar que a nosa labor abrangue tódalas fases de desenvolvemento dunha obra, e isto fai que contemos con experiencia tanto na parte técnica como na artística e de investigación.