ORIXE DE A QUE NON PODES DICIR COCACOLA (II)
No 2011 estreaba A que non podes dicir cocacola?, unha peza arredor da capacidade de adaptación á violencia imperante.
Agora, no 2020 , establezo un diálogo co traballo anterior co propósito da creación desta nova peza que atende á evolución social, así como ao meu propio cambio, vital e teatral – non pode ir separado - e que dá como resultado A que non podes dicir cocacola? (II); outra vez unha confrontación coa violencia e a capacidade de evasión que desemboca –con maior ou menor consciencia –na indiferenza.
SINOPSE
A QUE NON PODES DICIR COCACOLA? (II) é unha loita inútil e precisa, un desexo de escribir grandes parágrafos nas paredes acabadas de pintar, unha repetición de incertezas batendo nos puntos finais, un querer e un poder, un frasco de perfume que non recende, un atentado contra a asepsia.
Algo así é...
Algo así...
“Sabías que calquera pode levar unha arma?
A persoa que está sentada ao teu carón na cafetería na que almorzas pan integral con aceite de oliva virxe extra, pode levar unha arma.
E se é domingo e levas roupa de domingo, ou se é martes e levas roupa de domingo, vas quedar feita un cisco, emporcada do teu sangue e da túa inocencia.
É mellor non saír de casa
En todos os lugares anda o perigo.
O mellor é poñer a roupa de domingo e sentar fronte ao televisor tranquila, tranquilo, coa certeza de que ninguén vai tirar unha arma do peto; a non ser que a tire o teu home (pouco probable) ou a túa nai (pouco probable) ou a túa esposa (pouco probable) ou os teus fillos (pouco probable)
Pouco probable mais probable, ou cando menos: posible”
(..)
“O da casa queda na casa, escoitei dicir a mulleres con beizos partidos e colares de perlas.
Anotei na miña memoria.
Adaptei.
Transformei”
Ficha artística
Dirección, dramaturxia e actriz: AveLina Pérez
Composición musical: Ramón Raíndo
Coa voz de Silvia Cerneira
Iluminación: Daniel Casquero