“Unha peza sobre a delicadeza e a arte como espazos de resistencia e superación” Afonso Becerra de Becerreá
Domitila meteuse no meu corpo o día que escoitei o relato de esta muller galega que pasou o mellor da súa vida fuxindo por apoiar a guerrilla republicana.
É unha peza no ámbito das artes do movemento que recupera a memoria dunha muller anónima, da montaña de Lugo, que colaborou coa guerrilla antifranquista e que foi torturada e condenada ao cárcere. Porén, no seus últimos anos, Domitila realiza o seu soño de xuventude, tocar a guitarra e bailar.
O coñecemento desta historia e a fonda impresión que me causou impulsáronme para danzar a memoria histórica e, deste xeito, poñer o meu gran de area e transmitir a idea de non volver a caer no mesmo erro, a tortura, a guerra.
Domitila non é un personaxe, é unha muller a quen lle arrincaron a xuventude, mais non a valentía.
Co tempo dinme conta de que na miña historia persoal tamén hai reclusión, aínda que por outros motivos. A reclusión da danza que deixei durante trinta anos, porque o contexto era adverso e, nun ámbito no que a sensibilidade se pon en xogo, esas dificultades afectáronme até o punto desa reclusión.
Así que, nesta peza, se trazan pontes, explorando ecos e reflexos entre pasado e presente, entre represaliada política e vocación acoutada.
“Todo o que se conta non se conta, senón que se infunde no movemento dancístico, sonoro e por veces, como refachos, verbal” Afonso Becerra de Becerreá
Ficha artística
Creación: Amparo Martínez Paz. Baila: Amparo Martínez Paz. Dramaturxia e Dirección: Afonso Becerra de Becerreá. Iluminación: Macarena Palacios Martínez. Música: Macarena Montesinos. Vídeo-imaxes : Tony D’Arco. Vestiario: Anzzoni




